Situación de aprendizaxe · Xogos vs Pantalla

3.º trimestre · 2.º de Educación Primaria · Matemáticas · CEIP Coirón-Dena
Curso 2025/2026 58 sesións 4 UDs articuladas LOMLOE · Decreto 155/2022

Fío narrativo

A carta da avoa Carmela

Un luns pola mañá, a clase de 2.º atopa na porta un sobre envellecido cunha carta escrita a man. É de Carmela, unha avoa que vive preto do colexio.

"Queridos nenos e nenas: o outro día mirei pola fiestra e ninguén xogaba na praza. Antes enchíase de crianzas xogando á billarda, ao marro, ás buxainas... Agora todos teñen pantallas. A miña neta díxome: 'avoa, que tal se os da clase de 2.º rescatan os nosos xogos?' Eu ensínovos. Estades preparados para ser os Detectives dos Xogos Tradicionais?"

A clase acepta o reto: convértense en Detectives que, ao longo do trimestre, investigarán, construirán e xogarán… para rematar organizando un Festival de Xogos Tradicionais en xuño para as familias e o resto do cole.

Resumo

Produto final
Festival de Xogos
Última semana de xuño · para familias e outros cursos
Duración
58 sesións
Abril · Maio · Xuño
Rexistro único
Mural da clase
Único produto colaborativo onde se pega todo o achado
Alumnado
2.º Primaria
2.º A · 14 alumnos/as

Matriz de articulación UD · SdA

Cada unidade aporta unha peza ao reto. A secuencia segue a lóxica dun proxecto real: investigar → construír → xogar → organizar o Festival.

Unidade Fase na SdA Rol no reto Como se integran as sumas/restas con levada
UD 9 · A medida do tempo
15 sesións · abril
1. Investigamos
Canto xogamos? Canto vemos pantallas?
Cada detective rexistra na casa o tempo de pantalla e o tempo de xogo durante 1 semana. Introducimos o reloxo analóxico (en punto, medias, cuartos) para cronometrar partidas. Prezos en € (videoxogo vs xogo tradicional). Sumar e restar minutos e horas con levada. Exemplo: "Xoguei 45 min de recreo e 35 min na casa → 1 h 20 min". "Hoxe vin 1 h 15 min de pantalla e onte 48 min → canto máis hoxe?"
UD 10 · Corpos xeométricos
14 sesións · abril-maio
2. Construímos
Que formas teñen os xogos?
Identificar formas xeométricas nos xogos tradicionais: buxaina (cono), dado (cubo), canica (esfera), billarda (prismas), tangram. Construír material para o Festival con formas. Contar caras, arestas e vértices sumando con levada (ex.: "3 cubos teñen 18 caras en total"). Calcular áreas de taboleiros sumando cadrados.
UD 11 · Introdución á multiplicación
15 sesións · maio
3. Xogamos e puntuamos
Canto puntúa cada equipo?
Rally de mini-xogos na clase: cada partida ten puntuación por equipos. A multiplicación xorde como suma repetida (5 tiros × 3 puntos). Dobre e metade de xogadores. Sumar puntuacións totais de varios equipos con levada (ex.: "Equipo A: 47 + Equipo B: 35 + Equipo C: 28 = ?"). Restar para saber a diferenza entre equipos.
UD 12 · Reparto e agrupación
14 sesións · maio-xuño
4. Organizamos o Festival
Como repartimos todo?
Planificación do Festival: repartir os 14 nenos/as en postos do Festival, repartir material entre postos, repartir espazos do patio. Táboas do 5 e do 10. Prezos con decimais (material reciclado). Presuposto do Festival: sumar con levada os custos de cada posto, restar do "diñeiro dispoñible" para saber canto queda.

Detalle por unidade didáctica

9

A medida do tempo

Fase 1 · Investigamos
15 sesións Abril PE 13% · TI 87%

Contidos clave

  • Reloxo analóxico e dixital: en punto, medias, cuartos
  • Unidades de tempo: día, semana, mes, estación, ano
  • Calendario: lectura e interpretación
  • Billetes de 100, 200 e 500 €
  • Problemas con prezos de videoxogo vs xogo tradicional

Actividades SdA

  • Caderniño de rexistro: 1 semana anotando tempo pantalla vs tempo de xogo (na casa, cos pais)
  • Gráfica colectiva no mural: clase enteira
  • Cronometrar partidas da clase (recreo, EF)
  • Comparar prezos: PlayStation (≈ 500€) vs buxaina (≈ 3€). Cantas buxainas caben nunha consola?
  • Calendario do trimestre: marcar a data do Festival

Suma/resta con levada

  • Sumar minutos: "45 min + 35 min = 1 h 20 min"
  • Restar: "Ver pantalla 1 h 15 min − xogar 48 min = ?"
  • Acumulado semanal de horas de xogo (5 días)
Aporte ao Festival: datos da investigación → primeiro panel do mural "Canto xogamos?".
Sesións detalladas
1 A carta da avoa Carmela · presentación do reto Martes 21 abr 70 min 2 sesións xuntas
Obxectivo didáctico

Presentar o reto da SdA, espertar a curiosidade do alumnado polos xogos tradicionais, recoller as súas ideas previas sobre o tempo de pantalla/xogo e configurar os equipos cooperativos que traballarán durante todo o trimestre.

Desenvolvemento · 70 min
1. Entrada misteriosa 10 min
A mestra "atopa" un sobre envellecido na porta da clase. Lectura dramatizada da carta da avoa Carmela. Silencio, intriga, preguntas espontáneas. Mostra breve dun puñado de chapas antigas pasando de man en man.
2. Debate inicial 15 min
Asemblea en círculo: "Que xogos tradicionais coñecedes? Canto xogades na rúa? Canto tempo vedes pantallas?". Recollida oral. A mestra anota respostas no encerado en dúas columnas.
3. Choiva de ideas no mural 15 min
Cada neno/a recibe 2 post-its: nun escribe un xogo tradicional que coñece ou queira coñecer; no outro, unha pregunta que lle fai á avoa Carmela. Péganse no mural baleiro da aula (primeiro recheo).
4. Formamos equipos adiado á S2 15 min
Creamos 4 equipos de Detectives (dous de 4 e dous de 3 → 14 alumnos/as). Cada equipo elixe nome (ex.: Os Buxaineiros, As Guardiás da Billarda…) e roles rotativos: capitán, secretario, material, voceiro. Pegan a súa "placa de equipo" no mural. (Non deu tempo na S1 · realízase ao inicio da S2.)
5. Misión para a casa 10 min
Presentamos o Caderniño do Detective: rexistro semanal do tempo de pantalla vs tempo de xogo na casa. Explicación con exemplo no encerado. Cada un se leva o seu.
6. Peche ritual 5 min
Lectura conxunta do Xuramento do Detective (compromiso a investigar, respectar aos compañeiros, axudar á avoa Carmela). Cada un o asina ao final da sesión.
Agrupamentos
  • Gran grupo (asemblea) — momentos 1, 2, 6
  • Individual — momentos 3 e 5 (post-its, caderniño)
  • Equipos cooperativos — momento 4 (formación)
Materiais
  • Carta envellecida impresa + sobre antigo
  • Un puñado de chapas antigas para pasar de man en man
  • Papel continuo grande para o mural (título: "Detectives dos Xogos Tradicionais de 2.º")
  • Post-its de 2 cores (amarelos: xogos; rosas: preguntas)
  • Placas de equipo pre-impresas con espazo para nome e roles
  • Caderniño do Detective (un por neno/a) con táboa semanal
  • Xuramento do Detective (folla imprimible con espazo para sinatura) — ficheiro Xuramento_do_Detective.html no mesmo cartafol
  • Rotuladores e ceras
Criterios CA avaliados

Predominantemente actitudinais e de traballo cooperativo:

CA1.1 CA1.2 CA1.8 CA2.1 CA6.1

Instrumento: táboa de indicadores (TI) · observación directa.

Suma/resta con levada

Nesta sesión non se introduce explicitamente (é sesión de enganche narrativo), pero queda plantada a semente: o caderniño pedirá sumar minutos durante a semana. A primeira rutina de cálculo mental comeza na sesión 3 (adiada respecto ao plan inicial: a S2 absorbe a formación de equipos que non deu tempo na S1).

Evidencias para o mural
  • Post-its de xogos tradicionais coñecidos (columna esquerda)
  • Post-its de preguntas á avoa Carmela (columna dereita)
  • Placas dos 4 equipos co nome e os integrantes
  • Carta orixinal da avoa pegada no centro como elemento visual
Atención á diversidade
  • Alumnado con dificultades lectoras: a carta lese dramatizadamente; non se require lectura individual
  • Alumnado con dificultades de expresión oral: os post-its permiten participar en silencio
  • Roles de equipo flexibles: asígnanse segundo fortalezas (o tímido como secretario/material)
  • Caderniño visual: a táboa semanal inclúe casiñas para colorear ou debuxar (non só números)
Observacións post-sesión

A completar despois da sesión: que funcionou, que axustar, anécdotas a recoller, nivel de implicación do grupo…

2 Formamos equipos · o reloxo da avoa · hora en punto Mércores 22 abr 50 min Equipos + reloxo
Obxectivo didáctico

Configurar os 4 equipos de Detectives que non deu tempo a formar na S1 e poñelos a traballar de inmediato nunha tarefa real (a axenda da avoa). Introducir a lectura do reloxo analóxico en punto conectándoo coas horas que o alumnado empeza a anotar no Caderniño do Detective. O Quenquicálculo (1ª rutina de cálculo mental) pasa á sesión 3.

Desenvolvemento · 50 min
1. Retomada da carta 5 min
Na asemblea, breve posta en común: "Como vos foi onte co Caderniño do Detective?". Recordase a misión da avoa Carmela e lánzase a pregunta que conecta co reloxo: "Cantos minutos levades xa de pantalla? Como sabedes cantos minutos foron?" → planta a necesidade do reloxo, que virá despois.
2. Formamos equipos Detectives 15 min
Tarefa que quedou pendente da S1. Creamos 4 equipos de Detectives (dous de 4 e dous de 3 → 14 alumnos/as). Cada equipo elixe nome (ex.: Os Buxaineiros, As Guardiás da Billarda…) e roles rotativos: capitán, secretario, material, voceiro. Pegan a súa placa de equipo no mural. A mestra recorda: "Hoxe mesmo imos estrearnos traballando en equipo coa axenda da avoa" → os equipos actívanse inmediatamente na actividade seguinte.
3. O reloxo da avoa 12 min
A mestra saca un reloxo analóxico antigo (prestado, conectado coa narrativa da avoa Carmela). Nomeamos as pezas: agulla curta = horas, agulla longa = minutos, 12 números. Definición de "en punto": agulla longa no 12. Cada equipo de Detectives envía un representante ao reloxo xigante da aula a colocar unha hora en punto que diga a mestra (ex.: "as 3 en punto").
4. A axenda da avoa Carmela 15 min
Primeira tarefa real dos equipos recén formados. Cada equipo recibe un reloxo de cartón con agullas móbiles e un sobre con tarxetiñas da axenda da avoa ("8 en punto: dar de comer ás galiñas", "5 en punto: xogar á billarda coas netas"…). Ordenan as tarxetiñas cronoloxicamente e debuxan as agullas en catro delas nunha ficha común. O voceiro trae o reloxo á frente e "conta o día da avoa" á clase.
5. Misión detective 3 min
Para mañá: preguntar na casa a que hora cean e debuxar esa hora "en punto" no reloxo do caderniño. Pista: pódese preguntar tamén cando cea a avoa (se a hai). (O momento "O noso día en horas en punto" do plan orixinal trasládase á S3.)
Agrupamentos
  • Gran grupo (asemblea) — momentos 1, 3 e 5
  • Equipos cooperativos — momento 2 (formación de equipos)
  • Equipos Detectives — momento 4 (axenda da avoa, primeira tarefa real)
Materiais
  • Escudos dos equipos (xa impresos e na clase — ficheiro Escudos_Equipos_Detectives.html)
  • Reloxo analóxico antigo real (da avoa ou prestado — peza narrativa)
  • Reloxo xigante de aula con agullas móbiles — imprimible A3, ver descargas abaixo
  • 4 reloxos pequenos (1 por equipo) con agullas con chincheta — imprimible A4, ver descargas abaixo
  • Sobre con tarxetiñas da axenda da avoa Carmela (8 horas en punto) — imprimible A4, ver descargas abaixo
  • Caderniño do Detective (en clase hoxe, xa non na casa)
  • Rotuladores, ceras e cola para o mural
  • Chinchetas ou encadernadores para fixar as agullas dos reloxos
Materiais imprimibles da sesión

Tres pezas imprimibles en estilo pergamino, coherente cos Escudos. Cada unha ábrese no navegador (Cmd+P para imprimir desde alí) ou descárgase como PDF listo para imprimir.

Axenda da avoa Carmela
8 tarxetiñas para recortar (A4). Para momento 4 da sesión.
Reloxos de equipo (×4)
4 reloxos pequenos + agullas para recortar e fixar con chincheta (A4).
Reloxo xigante da aula
Reloxo grande para pegar en cartón pluma (A3; ou 4 A4 pegados).
Criterios CA avaliados

Combinación de cooperativos (formación de equipos) e específicos de medida:

CA1.1 CA1.2 CA1.3 CA2.1 CA2.7 CA6.3 CA6.4

Instrumento principal: táboa de indicadores (TI) · observación directa na formación de equipos e na axenda. (A ficha do Quenquicálculo pasa á S3.)

Suma/resta con levada

Non se introduce explicitamente nesta sesión (o tempo cédelle á formación de equipos). A rutina do Quenquicálculo arrinca na sesión 3: 10 sumas con levada con reloxo de area (3 min), bloques multibase dispoñibles para quen os necesite. Aquí aínda se sementa a necesidade: ao ler horas en punto, o alumnado empeza a manexar números até 12 e a falar de "cantos minutos".

Evidencias para o mural
  • Placas dos 4 equipos co nome elixido e os integrantes (pasan ao mural, completan o que quedou pendente da S1)
  • Nova columna no mural: "A vida da avoa Carmela" coas tarxetiñas ordenadas
  • Fichas dos 4 equipos coas agullas debuxadas en catro horas en punto
Atención á diversidade
  • Roles de equipo flexibles: asígnanse segundo fortalezas (o tímido como secretario ou material, os máis faladores como voceiro rotativo)
  • Alumnado con dificultade lectora: tarxetiñas da axenda con debuxo grande + texto; o voceiro do equipo le en alto
  • Quen aínda non identifique os números do reloxo: reloxo de cartón con números grandes e cor diferenciada no 12
  • Ritmos rápidos: tarxetiñas extra "reto" coas medias horas (sen introducir aínda, só como curiosidade)
  • Apoio dixital: reloxo dixital visible na aula como referencia contrastada
Observacións post-sesión

A completar despois da sesión: axilidade na formación de equipos, funcionamento dos roles, % de alumnado que le correctamente "en punto", tarxetiñas da axenda que máis enganchan, se deu tempo a todo ou houbo que recortar algo…

3-15 Restantes sesións da UD9 · iranse detallando
10

Corpos xeométricos

Fase 2 · Construímos
14 sesións Abril-Maio PE 13% · TI 87%

Contidos clave

  • Figuras 2D: triángulo, cadrado, rectángulo, rombo, círculo
  • Corpos 3D: cubo, esfera, cono, cilindro, prisma
  • Lados, ángulos, vértices e arestas
  • Simetrías en figuras
  • Volume e superficie (introdución)

Actividades SdA

  • Caza das formas: por equipos, buscan formas xeométricas en xogos tradicionais (buxaina = cono, dado = cubo, canica = esfera…)
  • Construción con material reciclado: buxaina con tapón, billarda con paus, tangram de cartón
  • Taboleiros con cadrados/triángulos para xogos de mesa (tres en raia, cadro)
  • Composición de figuras con tangram e bloques xeométricos

Suma/resta con levada

  • Sumar caras de varios cubos ("3 cubos = 6+6+6 = 18 caras")
  • Calcular superficie de taboleiros contando cadrados
  • Restar pezas: "temos 36 pezas de tangram e repartimos 19, cantas quedan?"
Aporte ao Festival: o material construído na UD10 é o que se usará nos postos do Festival → segundo panel do mural "Os xogos tradicionais".
11

Introdución á multiplicación

Fase 3 · Xogamos e puntuamos
15 sesións Maio PE 13% · TI 87%

Contidos clave

  • Multiplicación como suma repetida
  • Agrupacións de 2, 3, 4, 5 e 10
  • Dobre e metade
  • Patróns numéricos
  • Formulación de problemas

Actividades SdA

  • Rally de xogos tradicionais na clase (ensaio xeral do Festival): cada posto ten puntuación por equipos
  • Taboeiro de puntuacións: "5 tiros × 3 puntos = 15"
  • Dobre e metade: se somos 14, cantas parellas? Cantos equipos de 7?
  • Patróns: 2, 4, 6, 8… (billarda, chapas, saltos da goma)
  • Inventar un xogo co seu sistema de puntuación

Suma/resta con levada

  • Sumar puntuacións de varios equipos: "47 + 35 + 28"
  • Restar: "Equipo A 82 puntos − Equipo B 47 puntos = vantaxe de 35"
  • Acumulados de puntuación ao longo de varias roldas
Aporte ao Festival: a mecánica de puntuación probada no rally é a que se usará co público no Festival → terceiro panel do mural "As nosas puntuacións".
12

Reparto e agrupación

Fase 4 · Organizamos o Festival
14 sesións Maio-Xuño PE 16% · TI 84%

Contidos clave

  • Reparto equitativo
  • Táboas do 5 e do 10
  • Decimais en € (prezos)
  • Concepto de superficie
  • Resolución de problemas con reparto

Actividades SdA

  • Planificación do Festival: repartir 14 nenos/as en postos (parellas, tríos, 7+7…)
  • Repartir material: 30 canicas entre 5 postos
  • Repartir espazos do patio: medir e dividir
  • Orzamento: prezo do material reciclado e compra do que falte
  • Invitacións ás familias: cantas se fan?
  • Festival (última semana)

Suma/resta con levada

  • Orzamento: "Tapóns 8€ + Cartón 15€ + Cordas 9€ = 32€"
  • Restar do diñeiro dispoñible: "Tiñamos 50€, gastamos 32€, quedan 18€"
  • Contar invitados totais de todas as familias
Aporte ao Festival: a UD12 é a propia execución do Festival → cuarto e último panel do mural "Celebrámolo".

Rutina diaria de cálculo mental

5-10 minutos ao inicio de cada sesión, independentemente da UD que se traballe. O obxectivo é consolidar as sumas e restas con levada como ferramenta de base, mentres se traballan os contidos específicos de cada unidade.

Luns
Quenquicálculo: 10 sumas con levada rápidas, con tempo (reloxo de area 2 min).
Martes
Historia de xogo: un problema contextualizado na SdA (ex.: "Marta xogou 23 min ao marro e 47 min á goma. Total?").
Mércores
Restas con levada: 8 exercicios con apoio gráfico (recta numérica, bloques multibase).
Xoves
Xogo por parellas: "O cazador de cifras" — un alumno di dúas cifras, o outro suma. Alternan.
Venres
Reto da semana: problema aberto que conecta con o mural da SdA. Resolución en grupos.
Indicador de seguimento: ao final de cada semana, cada neno/a pinta o seu "termómetro de cálculo" (0-10 acertos) no caderno. Obxectivo do trimestre: chegar a 8/10 con levada.

Secuencia temporal

Sesión 1 · 21 abril (martes)
A carta da avoa Carmela · arranque da UD9
Lectura dramatizada da carta. Debate inicial. Choiva de ideas no mural. Caderniño para a casa. Xuramento. (A formación dos equipos Detectives non deu tempo e pasa á S2.)
Sesión 2 · 22 abril (mércores)
Formamos equipos · o reloxo da avoa
Formación dos 4 equipos Detectives (reubicada desde a S1). Reloxo analóxico da avoa Carmela, hora "en punto". Axenda da avoa como primeira tarefa cooperativa real.
Sesións 3-15 · Abril
UD 9 · Investigamos (tempo pantalla vs xogo)
Arranque da 1ª rutina de Quenquicálculo (adiada desde a S2). Rexistro semanal na casa. Profundización no reloxo. Gráfica da clase. Primeiro panel do mural.
Sesións 16-29 · Abril-Maio
UD 10 · Construímos (formas + material)
Caza das formas. Construción con reciclado: buxainas, billardas, tangram, taboleiros. Segundo panel do mural.
Sesións 30-44 · Maio
UD 11 · Xogamos e puntuamos (rally)
Rally de mini-xogos na clase. Sistema de puntuación. Ensaio xeral do Festival. Terceiro panel do mural.
Sesións 45-57 · Maio-Xuño
UD 12 · Organizamos (planificación)
Reparto de equipos e material. Orzamento. Invitacións. Preparativos do Festival.
Sesión 58 · Última semana de xuño
Festival de Xogos Tradicionais
Execución do Festival para familias e outros cursos. Reflexión final. Carta de resposta á avoa Carmela.

Avaliación

Instrumento Peso Que avaliamos
Proba escrita (unha por UD) PE · 13-16% Contidos nucleares da UD: resolución de problemas, estratexias, solucións guiadas. Mínimo: 5/10.
Táboa de indicadores (observación continua) TI · 84-87% Traballo cooperativo, representacións manipulativas, conxecturas, uso de ferramentas, explicación verbal/gráfica, actitudes ante o erro, vocabulario matemático.
Mural colectivo (produto de proceso) Dentro de TI Coherencia dos 4 paneis, calidade da información matemática, capacidade de explicar o proceso.
Festival (produto final) Dentro de TI Execución do posto asignado, aplicación de contidos (puntuacións, repartos, tempos), autonomía, colaboración.
Termómetro de cálculo (rutina diaria) Seguimento Evolución individual das sumas/restas con levada. Obxectivo: 8/10 ao final do trimestre.

Competencias e obxectivos

Obxectivos de área mobilizados

  • OBX1 — Interpretar situacións cotiás con linguaxe matemática.
  • OBX2 — Resolver situacións problematizadas.
  • OBX3 — Explorar conxecturas e formular problemas.
  • OBX5 — Recoñecer conexións entre matemáticas e vida cotiá.
  • OBX6 — Comunicar e representar resultados matemáticos.
  • OBX8 — Desenvolver destrezas sociais e traballo en equipo.

Competencias clave

  • STEM · Razoamento matemático, datos, tecnoloxía.
  • CPSAA · Hábitos saudables (equilibrio pantalla/xogo), autorregulación.
  • CCL · Comunicación oral e escrita (cartas, invitacións, explicacións).
  • CC · Valoración do patrimonio cultural galego.
  • CE · Iniciativa e creatividade no Festival.
  • CCEC · Xogos tradicionais como expresión cultural.

Conexión cos ODS

ODS 3 · Saúde
Xogo activo fronte ao sedentarismo das pantallas.
ODS 4 · Educación
Aprendizaxe competencial vinculada ao contorno.
ODS 11 · Comunidades
Valor dos espazos públicos como lugares de encontro.
ODS 12 · Consumo
Material reciclado, 3R, economía circular.
ODS 17 · Alianzas
Participación de familias e comunidade no Festival.